Duro golpe para o Pontevedra Club de Fútbol en forma de lesión.
Víctor Vázquez 'Churre' perderá o que resta de tempada pola lesión que se produciu na última xogada do encontro en Escobedo.
Tras as probas realizadas ao central, o club granate confirmou este xoves que sofre "unha rotura do ligamento cruzado posterior do xeonllo, que precisa de intervención cirúrxica".
Cúmprense desta forma os peores presaxios e Churre, un dos capitáns do equipo, estará entre seis e oito meses afastado dos terreos de xogo.
Todo tras unha dura e innecesaria entrada a destemp de Nacho, dianteiro do Escobedo, no minuto 94 que ocasionou un intercambio verbal entre os futbolistas no terreo de xogo pola dureza da acción.
Tras o golpe o futbolista do Pontevedra abandonou o campo visiblemente dorido.
"Toda a familia granate deséxalle moito ánimo nestes momentos, e unha boa recuperación", sinalou o Pontevedra no comunicado no que confirmou o diagnóstico.
Unha lesión que castiga aínda máis a parcela defensiva dos de Yago Iglesias, que levan semanas sen poder contar cos laterais Javi Fontán e Héctor Hernández, aínda que ambos os dous encaran xa as fases finais dos seus respectivos procesos de recuperación.