Churre: "Non busquei máis cousas, a miña primeira opción era o Pontevedra"

Pontevedra
22 de xuño 2023

O central marinense, primeira renovación no plantel do Pontevedra, asegura estar "moi contento" por pechar a súa continuidade por unha tempada, e é que "para min estar aquí na casa, xogar en Pasarón cada 15 días, é o mellor"

Ángel Bastos e Churre, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Ángel Bastos e Churre, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Aos seus 33 anos, camiño dos 34, Víctor Vázquez 'Churre' asegura ter corda para longo, e espera que siga sendo moito tempo máis defendendo as cores do Pontevedra Club de Fútbol.

De momento será así unha tempada máis, a sexta consecutiva, tras converterse na primeira renovación do plantel granate. Por iso asegura estar "moi contento" por ter clarado o seu futuro.

Unha vez o club mostrou interese en prolongar o seu contrato "foi todo moi sinxelo", explica o central marinense, e é "para min estar aquí na casa, xogar en Pasarón cada 15 días, é o mellor. Desde que acabou a tempada non busquei máis cousas, a miña primeira opción era o Pontevedra". 

Na mente de Churre para o novo curso está "quitar a espiña que temos deste ano do descenso, e que dentro de 10-12 meses poder estar a celebrar todos outro ascenso. A idea é esa, o obxectivo ten que ser ambicioso e despois pasiño a pasiño ir facendo eses puntos para poder estar arriba", defende.

Para iso cre que "imos ter un plantel moi competitivo para loitar por obxectivos bonitos", empezando polos futbolistas con contrato e que son "xente que achega moito dentro do vestiario, que é importante". Tamén con Yago Iglesias no banco, un adestrador que ten "unha idea moi bonita. Aí están os números e os seus equipos sempre xogaron ben, e seguro que en Pasarón vanse vivir tardes bonitas de fútbol", asegura o defensor granate.

Churre seguirá sendo ademais unha referencia para unha afección á que "non lle podemos reprochar nada, só podemos agradecerlle que nos momentos malos que tivemos nunha tempada complicada estiveron connosco empuxándonos igual", e que cre seguirán apoiando sen descanso tamén na Segunda RFEF.

En canto á nova tempada, asegura o central, será importante "empezar con boas sensacións e facendo puntos para vernos arriba desde o minuto uno". Así será máis fácil pelexar polo obxectivo, que non é outro que tentar recuperar canto antes a categoría perdida.