Choiva de medallas para o Galaico Sincro no galego de natación artística

Pontevedra
25 de xuño 2019

O club Galaico Sincro participou a pasada fin de semana en Ourense no campionato galego de nivel de natación artística, no que o equipo pontevedrés acadou 17 medallas, catro delas de ouro, que o situaron como un dos mellores conxuntos do torneo

O Galaico Sincro consegue 17 medallas no campionato galego
O Galaico Sincro consegue 17 medallas no campionato galego / Galaico Sincro

O club Galaico Sincro participou a pasada fin de semana en Ourense no campionato galego de nivel de natación artística, no que o equipo pontevedrés acadou 17 medallas, catro delas de ouro, que o situaron como un dos mellores conxuntos do torneo.

A actividade na piscina Rosario Donas comezou o venres, xornada na que a alevín Daniela Suárez e a infantil Sara Fernández fixéronse co ouro e o bronce  respectivamente na modalidade de figuras.

O goteo de metais continuou na xornada seguinte. As júnior Lara González e Alexandra Piñeiro conseguiron o bronce en só técnico e só libre, as alevínes Daniela Suárez e Blanca Castro lograron a prata en dúo, modalidade na que as infantís Andrea Pazos e Paula Riveiro obtiveron a segunda medalla de ouro para o seu equipo. O equipo formado por Sara Fernández, Lola Gómez, Lara González, Sara Marescot, Alexandra Piñeiro, Paola Piñeiro, Paula Riveiro, Candela Seoane e Alicia Laredo conseguiu a medalla de bronce na modalidade de  ténica e libre. E o conxunto alevín, integrado por Blanca Castro,  Nayeli Faro, Paula Fernández, Uxía Pazos, Lorena Piñeiro, Antía Riveiro e Daniela Suárez, gañaron a medalla de prata.

Andrea Pazos en solo infantil e Daniela Suárez en solo alevín conquistaron sendas medallas de bronce. O dúo técnico e libre formado por Lara González e Alexandra Piñeiro acabaron en segunda posición e colgáronse a medalla de prata. O terceiro ouro da comitiva  lerezana chegou na sesión infantil por equipos grazas ao número que realizaron Sara Fernández, Almudena García, Lola Gómez, Sara  Marescot, Andrea Pazos, Paola Piñeiro, Paula Riveiro, Sara Villanueva, Alicia Laredo e María Maquieira.

A xornada dominical pechouse coas rutinas combinadas do equipo alevín e infantil, formado polas mesmas nadadoras que xa triunfaran na xornada anterior, que valeron para sumar outra prata e o cuarto ouro ao medalleiro do Galaico  Sincro. A última medalla do campionato, un novo bronce, chegou na rutina combinada júnior.

Co bo sabor de boca deste campionato, o conxunto pontevedrés encara así a última fase da tempada, que finalizará en categoría infantil co campionato de España de Valladolid. Entre o 29 e 30 de xuño, o Galaico  Sincro será o único representante de Galicia. Para as  alevínes e júnior, o curso terminará en Sabadell coa disputa do campionato de España os días 11, 12, 13 e 14 de xullo.