O Pontevedra Club de Fútbol segue "mirando cousas" no mercado invernal de fichaxes a poucos días de que se peche oficiamente a xanela de inscrición de futbolistas (finaliza o 3 de febreiro).
Tras as chegadas de Brais Abelenda para o ataque e de Miguel Cuesta para a banda dereita, as miradas agora céntranse nun centrocampista que cubra a lesión de longa duración de Jesús Cambil.
Así o valorou de feito este venres, sendo cauto nas súas declaracións, o adestrador granate, Yago Iglesias.
"Coa lesión de Cambil desde un primeiro momento sempre se valorou a opción do mediocentro", explicou o técnico. Con todo, defende, "aí apareceu Rares" cunha sólida actuación fronte ao Compostela.
Por ese motivo, e aínda que os movementos se seguen a producir nos despachos, "que de aquí ao día 3 aparece algo que cremos que pode axudarnos? Perfecto, que non? Pois cos que están a morte", afirmou Iglesias restando transcendencia a esa última contratación, que en calquera caso tería que ser xa dun futbolista sub-23 ao terse completado todas as fichas sénior dispoñibles.
No que respecta ás incorporacións xa confirmadas "a chegada de Brais Abelenda creo que é unha fichaxe de moito nivel dentro da categoría", mentres que no caso de Miguel Cuesta "vén un pouco a cubrir esa posición de extremo dereito que tiñamos ou que demandabamos xa desde verán", explicou Yago.
"É un xogador que consideramos que ten unhas características que se poden adaptar moi ben ao noso xogo", explicou o preparador, pero é que ademais "non sería desde o meu punto de vista moi sensato afrontar as xornadas que quedan con dúas fubolistas de banda como Xabi e Chiqui e con Álex".
En definitiva, finalizou o adestrador granate, "creo que as dúas fichaxes, tanto de Brais como de Miguel, achegan solucións, dannos fondo de armario e sobre todo a nivel táctico-futbolístico, creo que nos van a axudar moito".