Cun ano de atraso pero os Xogos Olímpicos de Tokyo, agora si, contan as horas para acender a chama e gozar da súa celebración. Será a partir do próximo venres 23 de xullo (aínda que algunhas disciplinas comezan a competir o xoves, coa cerimonia de inauguración prevista no Estadio Olímpico.
En Xapón estarán, despois de moito traballo e esforzo, varios deportistas pontevedreses para vivir unha experiencia única e coa ilusión por bandeira.
O primeiro deles en competir será ademais una das claras opcións de medalla da delegación española, un Javier Gómez Noya que quere pelexar polo seu segundo metal olímpico tras a prata de 2012. O cinco veces campión mundial en modalidade olímpica competirá na carreira individual masculina que se disputará no Parque Mariño de Odaiba a partir das 23.30 horas do domingo 25 de xullo (hora española).
Haberá que esperar dous días máis que que inicie o seu camiño en Tokyo 2021 outra deportista que aspira a todo, a regatista Támara Echegoyen. Ouro en Londres 2012 e cuarta en Río 2016, a pontevedresa iniciará a competición na clase 49 er FX de vela o martes 27 de xullo coas tres primeiras mangas previstas no campo de regatas de Enoshima, a partir das 5.05 horas da madrugada.
Támara, que forma equipo coa balear Paula Barceló, terá por diante 12 mangas repartidas a tres por día con continuación o mércores 28 (7.50 horas en Sagami), venres 30 (7.50 horas en Kamakura) e sábado 31 (5.05 horas en Kamakura). Todo iso antes dunha Medal Race que se disputará o luns 2 de agosto (7.33 horas en Enoshima) á que esperan chegar coas súas opcións intactas.
Xusto ese mesmo día, o luns 2 de agosto, dará comezo o calendario de piragüismo sprint en augas tranquilas, con Teresa Portela e Antía Jácome como opcións pontevedresas. Será a canguesa, adoptada como veciña da Boa Vila, a que iniciará o camiño dos seus sextos Xogos Olímpicos o propio 2 de agosto coas series clasificatorias do K-1 200 metros ás 2.30 horas da madrugada. Un día despois, o martes 3 de agosto, será a quenda das semifinais ás 2.30 horas e da gran final ás 4.37 horas da madrugada en España.
Pola súa banda Antía Jácome estrearase nunhas Olimpíadas o mércores 4 de agosto nas series do C-1 200 metros a partir das 2.58 horas da madrugada. Ese mesmo día ás 4.53 horas están fixadas as quendas de cuartos de final. De seguir adiante e con opcións as semifinais terán lugar o xoves 5 ás 2.44 horas e a final ese mesmo día ás 4.43 horas.
Eles serán as opcións do deporte pontevedrés en Tokyo, sen esquecer a outros deportistas próximos como o cangués Rodrigo Germade no K-1 (4 e 5 de agosto) e o K-4 de piragüismo (6 e 7 de agosto), o tamén cangués Rodrigo Corrales en balonmán ou Caetano Horta, remeiro de Noia que adestra no CGTD de Pontevedra e que xa iniciará o seu camiño nos Xogos o sábado 24 de xullo coas series clasificatorias.