Pechado o capítulo de celebracións polo ascenso a Primeira RFEF, é tempo de tomar decisións no Pontevedra Club de Fútbol.
Así o anunciou tras o ascenso a presidenta granate, Lupe Murillo, sinalando a semana que comeza este luns como o momento no que o Consello de Adimistración ten previsto empezar a planificar a próxima tempada, e avanzando un encontro co director deportivo Toni Otero, que conta con contrato en vigor.
A prioridade será definir antes de nada a situación do adestrador, Ángel Rodríguez, que conclúe a súa vinculación contractual co Pontevedra tras un primeiro ano en que cumpriu o obxectivo polo que foi contratado.
Neste sentido, en plenas celebracións, o técnico recoñeceu en declaracións á Televisión de Galicia que estaría encantado de continuar á fronte do equipo: "Si me gustaría, estou moi a gusto na cidade, o club vese que vai crecendo cada vez máis, e se ao final estes proxectos avanzan e van a máis cada ano a verdade é que é un sitio ideal para crecer como adestrador e como profesional", sinalou o preparador.
O @PontevedraCFSAD empeza a planificar a vindeira temporada. Seguirá Ángel Rodríguez no banco?
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) May 18, 2022
"Gustaríame, estou moi a gusto na cidade, o club medra. É un lugar ideal para medrar como técnico"
"Lupe Murillo:"Aínda non falamos diso, a próxima empezaremos a falar de todo" pic.twitter.com/rfDqVEJfkR
Ademais da incógnita do banco, espérase que a dirección deportiva trate tamén co plantel a súa situación antes de que se dean por iniciadas oficialmente as vacacións, en especial no que se refire aos futbolistas que terminan contrato e co que nalgún caso interesa negociar a súa posible continuidade. Nesta tesitura atópanse Álex González, Yelko Pino, Romay e Oier Calvillo xunto aos canteiráns Santi Figueroa e Pablo López.
Despois de seis cursos no club, convertido en capitán e sendo un dos xogadores máis destacados o último ano, un dos que apunta a continuar é un Álex González plenamente integrado na cidade e identificado coa camiseta granate, aínda que o cántabro e o Pontevedra deberán chegar a un punto de encontro.
Caso diferente é o doutro dos indiscutibles durante a campaña recentemente finalizada como Yelko Pino, revalorizado tras a súa boa campaña en Pasarón e ao que non lle faltarán pretendentes, aínda que o seu bo encaixe no equipo desde a súa chegada e a súa sintonía tanto coa dirección deportiva como con Ángel Rodríguez, no caso de que o técnico renove, achegarían tamén a súa continuidade.
Adestrador e actual plantel atópanse nos alto da orde de prioridades da oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, pero sen perder de vista os reforzos que tamén serán necesarios para afrontar con garantías o reto da Primeira RFEF. Neste sentido un dos principais obxectivos será reforzar a liña defensiva, sen descartar fichaxes no resto de liñas, incluída a portería a pesar de que os dous gardametas actuais, Cacharrón e Álvaro Cortés, teñan aínda un ano máis de contrato.