Charly López: "Chego no mellor momento da miña carreira, nunca estiven nun club tan grande como o Pontevedra"

Pontevedra
14 de xullo 2023

O novo atacante granate defínese como un dianteiro "con mobilidade ao que lle gusta desmarcarse" e móstrase confiado en conseguir o obxectivo, aínda que "un ascenso nunca é fácil"

Charly López celebra un gol nun partido co Zamora
Charly López celebra un gol nun partido co Zamora / Zamora CF

Coa difícil misión de substituír a dúas figuras como Charles e Brais Abelenda. Así desembarca en Pasarón o dianteiro Charly López. O exfutbolista do Zamora é xunto a Rufo a única referencia ofensiva coa que conta por agora o adestrador Yago Iglesias para conseguir o obxectivo do ascenso.

Un reto que non asusta ao versátil atacante ferrolán, ilusionado pola súa fichaxe e confiado en cumprir coas expectativas. "Chego no mellor momento da miña carreira, nunca estiven nun club tan grande como o Pontevedra", sostén o ariete, que promete traballo como o camiño para cumprir a súa principal misión: o gol.

"O obxectivo dos dianteiros é tentar meter moitos goles. Pero non hai que quedar só con iso. O importante é dar a túa mellor versión e axudar ao equipo. Cantos máis goles metas mellor, oxalá poida dar o mellor de min", responde ao ser cuestionado sobre a necesidade do equipo de mellorar o seu acerto do cara ao gol, un dos principais problemas que padeceu o Pontevedra o pasado curso en Primeira Federación. 

A poucos días para o arranque da pretemporada, o dianteiro formado na canteira do Racing de Ferrol recoñece estar a desexar poñerse o uniforme de traballo. "Fichando por un club como o Pontevedra, estou con moitas ganas de empezar e axudar ao equipo", afirma.

Recoñece o nove de 27 anos que xogar en Pasarón era un dos grandes obxectivos da súa carreira. "Foi fácil chegar a un acordo. Cando te chama un club como o Pontevedra, que xa era o meu obxectivo fichar alí, tiña moi claro que quería ir. Había varias ofertas doutros equipos, pero tiña claro a que quería era a do Pontevedra", explica López.

Un dos puntos fortes do dianteiro é a súa polivalencia. "Cando saín do Racing, era xuvenil e xoguei en todas as posicións practicamente. En banda, media punta, dianteiro... Cando cheguei ás Pontes xa empecei a ser dianteiro, pero ao chegar ao Bergantiños, o adestrador, que xa o tivera, poñíame de mediapunta e xa xoguei aí ata este ano", relata o novo atacante granate que recoñece que a súa "mellor versión" chegou xogando como referencia ofensiva.

Con todo, non se trata dun nove ao uso, a Charly gústalle moverse por toda a fronte de ataque. "Considérome un dianteiro con moita mobilidade ao que lle gusta desmarcarse. Pero adáptome ao que me pide o adestrador, que unhas veces pode ser baixar a recibir e ter mobilidade e outras estar máis fixo", puntualiza.

Do seu rendemento dependerá en parte as opcións do Pontevedra de conseguir o regreso a Primeira Federación. "O ascenso é o obxectivo que nos marcamos todos os que imos formar parte. Pero como dixo Yago tamén é o obxectivo doutros equipos e non vai ser facil. Un ascenso nunca é fácil. Vese todos os anos, que sempre custa porque hai bastante nivel e está todo moi igualado. Pero é o noso obxectivo e confiamos en que o imos a conseguir", sinala o dianteiro.

A súa experiencia na categoría axudará tamén a evitar sorpresas desagradables. "Os grupos están formados polas mesmas comunidades que o ano pasado, só varían algúns equipos. Todas as categorías están igualadísimas, calquera equipo plántache cara, aínda que vaias de primeiro. Nestes anos poucas veces gañei xogando contra o último. Hai campos moi difíciles, non te podes confiar contra ninguén aínda que vaias moi ben. Calquera equipo pode dar a sorpresa", advirte Charly López que en menos dunha semana vestirase por primeira vez a camiseta do Pontevedra CF.