Charly e Garay, 'obrigados' a descansar na última xornada de liga

Pontevedra
01 de maio 2024

Ambos os futbolistas están a un cartón amarelo da sanción, e se son amoestados na última xornada do campionato serían baixa no primeiro encontro do play-off

Partido de liga entre Pontevedra e Marino de Luanco en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Marino de Luanco en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol mira xa cara ao play-off de ascenso a Primeira RFEF, cuxo sorteo se celebrará o luns 6 de maio, pero antes debe aínda afrontar unha última xornada da liga regular.

Farao recibindo no Estadio Municipal de Pasarón ao Racing Club Villalbés (domingo 5, 12.00 horas), equipo que xoga a súa permanencia na categoría.

Será unha cita na que os de Yago Iglesias deben tentar recuperar a confianza perdida ante o que está por chegar, duelos da máxima tensión e intensidade na que calquera erro pode resultar decisivo.

Un dos aspectos para ter en conta estes días é o das sancións, ou máis ben a ameaza de sanción que pesa sobre dous futbolistas do plantel granate.

Trátase do dianteiro Carlos López 'Charly' e do defensor Benjamín Garay, os únicos integrantes do equipo que chegan á última xornada a unha cartolina da suspensión por acumulación.

Ambos os dous xogadores viron ao longo do curso 4 tarxetas amarelas, polo que unha quinta fronte ao Villalbés supoñería perder o primeiro encontro do play-off.

É por iso que a prudencia recomenda o seu descanso na última cita da liga regular, xa que segundo a normativa a fase de ascenso empezará limpa de tarxetas para todos os futbolistas, empezando un novo ciclo de sanción de tres amarelas.