O Pontevedra de Jesús Ramos xa está en marcha e con moitas caras novas. Pero as novidades non están só nas novas fichaxes. As primeiras sesións de adestramento serviron para comprobar unha renovación tamén nos dorsais que lucirán os futbolistas a próxima campaña. Desde o club puntualizan que aínda non son definitivos, pero este martes en Pasarón puido verse traballar a Charles co que era foi o seu número durante a súa primeira etapa como granate, o 18. E a Romay, que deixará o 21 de xenios como Valerón ou Silva, para coller o 10, dorsal que deixou libre Bustos e que en case todos os equipos adoita portar o xogador de maior calidade do plantel. No caso do de Malpica, non é unha excepción.
No que respecta a os xogadores que continúan de granates existe outra novidade obrigada. Naveira tivo que ceder o 18 a Charles para enfundarse o dorsal 15 mentres se mantén á espera de resolver o seu futuro. Os demais continúan como o curso pasado. Churre mantén o 4, Pol Bueso, o 22; Figueroa, o 12; Zabaleta, o 3; Adrián Cruz, o 11; Alex González, o 7; e Rufo, o 9.
Baixo paus, Mario Fernández substituirá a Edu co 1 ás costas, mentres que Álvaro Cortés lucirá o 13 e o canteirán Diego Dadín, o 25 e con ficha do filial.
En defensa, o número dous pasa de mans de Nacho López a Aitor Núñez. Mentres que no centro do campo, Imanol tira de galóns desde o primeiro minuto ao elixir o 6 e asumir o seu labor como xefe da sala de máquinas do equipo. Borja Martínez, pola súa banda, decantouse polo 8.
En labores ofensivas, é rechamante a elección dun dos xogadores chamados, a priori, a ser determinantes no once de Jesús Ramos. O extremo Oier Calvillo loce nestas primeiras sesións preparatorias o dorsal número 14, mentres que os outros dous xogadores de banda recentemente chegados, Óscar Fernández e Jorge Fernández, teñen asignados polo momento o número 16 e 17 respectivamente.
O único xogador do filial que está a traballar estes días cun dorsal incluído entre os 22 que, en principio, terán ficha co primeiro equipo é o dianteiro Vilariño, que nesta primeira semana de adestramentos loce o 19. Os canteiráns Iñaki e Martín Diz portan o 23 e 29 respectivamente. Mentres que Pablo López leva o 24, David Veiga, o 26; e Pacheco, o 30.
A normativa da RFEF permite aos xogadores con ficha do primeiro equipo elixir un dorsal propio para toda a tempada comprendido entre o 1 e o 22. Polo momento, os únicos que aínda non teñen dono son o 5, o 20 e o 21. E aínda está por decidir que ocorrerá co 19 do canteirán Vilariño e o 15 de Álvaro Naveira.
Hai que lembrar que o club polo momento ten todas as fichas sénior ocupadas. Con todo, desde a dirección deportiva traballan na incorporación dun central de recoñecida traxectoria, pero antes de asinar deben liberar unha destas prazas. Pola contra, catro das seis fichas sub 23 obrigatorias permanecen sen dono.