O dianteiro do Pontevedra, Charles Dias, recibiu este martes o trofeo O Granate que cada ano entrega o podcast realizado por afeccionados do club Fondo Norte. E fíxoo de mans do primeiro gañador, Rufo, que tamén participou na emisión para analizar xunto ao pichichi da categoría a tempada recentemente finalizada.
O premio, consistente nunha figura de futbolín coas cores da equipación do Pontevedra sobre unha peana gravada co nome do gañador e do trofeo, recaeu no ariete brasileiro despois de ser o máis votado pola afección e os colaboradores do programa ao longo de toda a campaña.
Emitido en directo a través das canles de Youtube e Twitch da plataforma Pontevedracf.net e de PontevedraViva Radio, Charles aproveitou a ocasión para repasar diversos episodios da campaña. Recoñeceu o dianteiro a súa obsesión co Unión Adarve e o tira e afrouxa que mantiveron durante todo o ano co cadro madrileño. "O Pontevedra conseguiu ao final quedar primeiro, que o mereciamos por todo", dixo
Tampouco rehuyeron os dous máximos goleadores do club o eterno debate sobre se Charles e Rufo deben xogar xuntos. Lembrou o brasileiro que cos dous no campo, no minutos finais de moitos partidos, lograron darlle a volta a marcadores adversos, pero ambos coincidiron en recoñecer o mérito de todos os seus compañeiros, titulares e suplentes, para conseguir o obxectivo do ascenso.
Tamén aproveitou o momento para ratificar de novo a súa continuidade para o próximo ano e lembrar o mal grolo que pasou o pasado verán cando se difundiu o rumor de que o Pontevedra quería prescindir del. "Non sei de onde saíu, pero paseino moi mal", recoñeceu emocionado coa intención de deixar atrás ese episodio.
Á media hora de programa, Rufo entrou no escenario para facer entrega da figura para Charles. "Te lo mereces", díxolle ao seu compañeiro. Logo ambos compartiron anécdotas de vestiario e do terreo de xogo, como o cántico o día do Salamanca dedicado ao Unión Adarve, ou as dificultades de Rufo para dicir correctamente o nome dalgunhas praias da ría. Exemplos que demostran a sa relación que manteñen ambos e que esperan manter o próximo ano en Primeira RFEF para levar ao Pontevedra "ao lugar que lle corresponde, que é aínda máis arriba", rematou o goleador.