Charles e a súa sanción interminable

Pontevedra
13 de xaneiro 2021

A expulsión ante o Deportivo segue saíndolles cara ao atacante brasileiro, e é que máis dun mes despois segue sen cumprir o seu castigo na liga, e perderase o duelo da fin de semana fronte ao Racing de Ferrol

Charles, no partido de Copa do Rei 2020/2021 entre Pontevedra e Cartagena en Pasarón
Charles, no partido de Copa do Rei 2020/2021 entre Pontevedra e Cartagena en Pasarón / Mónica Patxot

Nin nos seus peores pesadelos podía imaxinar Charles que un forcexo co deportivista Lara ía saír tan caro. Se xa de primeiras a expulsión pareceu esaxerada, máis o foi despois ao coñecer o castigo, dous partidos de suspensión.

A sanción en condicións normais tería deixado ao atacante 15 días no dique seco, pero converteuse no conto de nunca acabar e nun auténtico pesadelo, porque debido a diversas circunstancias vai alongarse xa a mes e medio no que respecta a a liga.

Só a Copa do Rei deulle ao brasileiro algo de respiro, ao participar nas eliminatorias fronte ao Cartagena e o Cádiz.

Pola contra Charles cumpriu o seu primeiro encontro de suspensión na última xornada do ano, en Coruxo, quedando aínda a segunda das datas pendentes. Ese partido debía ser o do 10 de xaneiro contra o Guijuelo, pero ao aprazarse o dianteiro perderase a visita do Rácing de Ferrol ao Estadio Municipal de Pasarón.

Se non existen máis contratempos e como moi pronto, se se fixa para ese día a xornada aprazada, o ariete granate regresará ao once nun compromiso de liga o mércores 20, ou senón o domingo 24 de xaneiro no desprazamento ao campo do líder, Unionistas, 1 mes e 20 días despois das súas expulsión fronte ao Deportivo.

Polo menos, como alivio para Jesús Ramos, só suma a esa baixa as ausencias por lesión de Romay e Adrián Cruz, estando o resto do plantel á súa disposición.