O Pontevedra Club de Fútbol ten novo Consello de Administración, e con algunha que outra cara nova.
Dúas das máis destacadas serán as do ex-futbolista Charles Dias e a de Diego Murillo Carrasco, pai da presidenta granate Lupe Murillo.
Así se decidiu este xoves nunha Xunta Xeral Extraordinaria celebrada no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal.
A convocatoria, tras aprazarse a ordinaria, centrábase no cesamento dos membros do consello (até sete) que finalizaban o seu mandato de cinco anos e a elección de novos representantes ocupando tamén dúas vacantes para completar un órgano de decisión con dez persoas.
Só a presidenta tiña aínda percorrido no seu mandato, debendo cesar do seu cargo Ricardo Tilve, Enrique Mariño, Juan Abal, Manuel Ruibal, Roberto Feáns e tamén dous representantes do grupo opositor, José Manuel Fernández e José Luís Uhía Castro 'Piscis'.
"Quiero agradecer como presidenta su labor, transparecncia, apoyo y gran trabajo", afirmou Lupe Murillo sobre os compañeiros que lle acompañaron estes anos na xunta directiva, acordándose tamén de Pablo Galván e Luís Durán, que xa non ocupaban un asento no Consello.
"No podría estar mejor acompañada", defendeu a presidenta.
En primeiro lugar, desde o principal grupo opositor á xestión da entidade e que representa o 20,64% do accionarido (Inversiones y gestión alimenticia S.L., e Congelados y Conservas Marabal, S.L), propúxose a dous novos conselleiros como os seus representantes a través do sistema proporcional. Desta forma repite no órgano de decisión José Luís Uhía Castro 'Piscis' e regresa José Luís Tilve, cesado no ano 2022.
A sorpresa chegou despois tras anunciar a renovación no cargo de Ricardo Tilve, Enrique Mariño, Juan Abal, Manuel Ruibal e Roberto Feáns, e é que a presidenta propuña para os dous asentos que quedaban vacantes a Charles Dias e a Diego Murillo Carrasco.
O acceso de Charles ao Consello, puntualizou Lupe Murillo na quenda de rogos e preguntas, non supón a súa saída da secretaría técnica da entidade, na que continuará traballando xunto a Jacobo Maestre e Roberto Feáns. "En determinados momentos se suma también el director de la cantera, Jesús Ramos. Es la forma de trabajar que tenemos", explicou.
A Xunta Extraordinaria de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol celebrouse coa presenza de 65 accionistas acreditados que representaban ao 90,09% das accións da entidade.