Charles Dias de Oliveira, 'Charles', converteuse este mércores en axente libre despois de desvincularse oficialmente da SD Eibar, club no que militou o últimas tres tempadas en Primeira División.
Este movemento, aos seus 36 anos, fai soñar á afección do Pontevedra co seu regreso ao Estadio Municipal de Pasarón. Non é unha quimera, e é que o propio dianteiro recoñeceu durante o confinamento nunha charla co ex-gardamata Esteban que "quiero retirarme en el equipo que me ha abierto las puertas en España, que es el Pontevedra".
Non en balde o club pontevedrés, do que segue a ser socio, é o que lle abriu, na campaña 2004/2005 en Segunda División, as portas de España a nivel futbolístico. Charles permaneceu seis campañas na casa granate, nas que anotou 56 goles e nas que a súa gran espiña foi non conseguir devolver ao equipo á categoría de prata.
Despois desa etapa o brasileiro pasou por Córdoba e Almería antes de chegar á Primeira División, categoría na que permaneceu as últimas 7 campañas nas filas de Celta, Málaga e Eibar. Durante este tempo anotou 57 goles na elite, 6 o último curso.
A súa chegada a Pontevedra, nunha tempada clave para o futuro da entidade ante a reestruturación da Segunda División B, supoñería un reforzo ilusionante para un proxecto que aspira a pelexar polos primeiros postos.
De non frutificar, a Charles non quedaría xa moito tempo para volver pisar o verde de Pasarón e defender a granate, xa que el mesmo recoñeceu naquela charla confinada que "quiero ir allí dando un buen nivel. No sé si el año que viene, dentro de dos o de tres". O tempo dirá se o soño de moitos afeccionados pontevedreses convértese en realidade.