A presentación de Yago Iglesias como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol deixou outra imaxe destacada na casa granate, a de Charles Dias exercendo as súas novas funcións dentro da secretaría técnica da entidade tras a súa retirada dos terreos de xogo.
Tras unhas semanas de traballo xunto a Jesús Ramos e Gelillo para coñecer con mellor detalle o funcionamento interno do club "a súa nova faceta é de técnico do club e de formar parte da secretaría técnica que de momento está en configuración", explicou a presidente, Lupe Murillo.
Neste apartado "seguramente haxa máis incorporacións pero probablemente fagamos unha unificación de staffs coa canteira e o primeiro equipo, e atopar algún debido a que teña conexión cos dous ámbitos. Como xa vos comentei a estrutura vai ser máis ampla porque ás veces dámonos conta que somos moi poucos os que tomamos decisións e temos que ser máis para facer traballo de campo e tomar mellores decisións", avanzou a dirixente.
Pero o certo é que Charles xa se empezou a involucrar nas decisións deportivas como foi a contratación do novo adestrador.
"É un traballo complicado", asegurou o xa ex-futbolista, porque "o xogador cando termina de adestrar marcha para casa, despois tense que coidar claro, pero isto é diferente, require máis horas. Eu como xogador pensaba que era fácil e non o é, pero vou poñer todo de min para que salga todo ben", afirmou.
Charles, exercendo xa no cargo, referiuse a Yago Iglesias sinalando que "estamos a presentar o noso adestrador, darlle a benvida, a súa alegría será a nosa e oxalá consigamos o ascenso a Primeira RFEF".
Pola súa banda o novo responsable do primeiro plantel recoñeceu na súa intervención que "unha das cousas que máis me ilusión faime é traballar da man de Charles nestes primeiros pasos na súa nova posición. Vainos axudar moito coa visión que aínda ten de xogador".
Unha nova etapa para o máximo goleador histórico do Pontevedra e na que, como sempre, se involucrará en corpo e alma.