Chano Rodríguez logra o billete aos Xogos Paralímpicos con 64 anos e na última competición posible

Pontevedra
17 de xuño 2021

O nadador do Club Natación Galaico de Pontevedra, gaditano de nacemento e vigués de adopción, afrontará en Tokyo a súa sexta participación nuns Xogos  Paralímpicos, tras lograr a clasificación este xoves nas Series Mundiais que se disputan en Berlín

Chano Rodríguez, adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Chano Rodríguez, adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Chano Rodríguez (@axelchano)

Foi campión  paralímpico en Sydeny 2000 e Atenas 2004, e acumula ata 16 medallas coas sumadas tamén en Pequín 2008 e Londres 2012. Ademais tamén estivo presente en Río 2016 e non se vai a perder Tokyo 2021.

Chano Rodríguez, deportista do Club Natación Galaico, logrou este xoves aos seus 64 anos e na última competición posible a marca mínima para poder estar nos próximos Xogos Paralímpicos, na que será a súa sexta participación.

Gaditano de nacemento e vigués de adopción, Rodríguez segue vinculado ao club pontevedrés, ao que levará de novo a unha cita do máximo nivel.

Tras non logralo nos seus anteriores intentos, Chano Rodríguez conseguiu parar o crono este xoves en 2:54.00 na proba dos 200 libre das Series Mundiais de natación adaptada que se celebran en Berlín.