O Club Baloncesto Arxil fai un chamamento á súa afección para que acuda ao CGTD este sábado ás 19:30 horas e o leve polo aire cara á terceira vitoria consecutiva desta segunda volta e consolidar a súa posición entre os catro primeiros clasificados.
En fronte terá a un Universidad de León que non llo poñerá fácil, a pesar de estar en décima posición e acumular unha mala serie de tres derrotas consecutivas.
Desde o conxunto pontevedrés destacan do rival a súa agresividade desde a liña exterior e a súa boa man en tiros de tres, ademais da súa garra á hora de pelexar cada balón. "Se lles deixas facer o seu xogo, complícanche a vida", engaden.
Pola súa banda, as de Mayte Méndez chegan á cita con moi bos datos e buscarán manter esas sensacións onde será clave "manter o ritmo de xogo e a fiabilidade como local".
A adestradora lerezana poderá contar con todos os seus efectivos fóra de Carmen Ortiz, que non puido adestrar en toda a semana.
Os árbitros do encontro serán Martín Trasancos e Julián Rico.