Era un mero trámite, pero Challenge fíxoo oficial. Pablo Dapena gañou o seu ranking mundial do ano 2018, aínda que compartirá premio co alemán Sebastian Kienle.
Tanto Dapena como Kienle deran por terminada a súa tempada e xa se centran no emocionante 2019 que se presenta, especialmente para o pontevedrés coa súa fichaxe polo equipo BMC e ante o Mundial de longa distancia que se disputará na casa, pero o calendario Challenge aínda contaba con probas por disputar. Agora, tras celebrarse a súa última cita en Daytona, Estado Unidos, a clasificación é definitiva.
Nun ano espectacular, que serviu como a súa consagración entre a elite mundial, Pablo Dapena acumulou 1.550 puntos nas competicións Challenge, os mesmos que Kienle, un triatleta que no seu palmarés acumula un triunfo no Mundial Ironman de Hawaii e outros dous na distancia 70.3. Desta forma ambos os dous compartirán o bonus especial de 30.000 dólares reservado ao gañador do ranking e o premio do segundo posto (15.000 dólares), quedando terceiro o esloveno Jaroslav Kovacic (1.475 puntos).
Os dous protagonistas expresaron a súa felicidade polo premio, empezando por un Sebastian Kienle que explicou na súa conta de Twitter que é "xenial compartir o bonus mundial de Challenge Family con Pablo Dapena", algo que tamén compartiu o pontevedrés sinalando que é "unha honra compartir este premio".
I say the same Seb ! A pride share this prize with you! Enjoy the sun in Fuerteventura
— Pablo Dapena Gonzale (@pablitopiny) 10 de diciembre de 2018