Certificar a clasificación ante o Barbadás, primeiro obxectivo da tempada ao alcance do Pontevedra

Pontevedra
04 de abril 2015

Os resultados producidos nos partidos adiantados á xornada, disputados este xoves, deixan ao quinto clasificado, o CD Choco, con 51 puntos. Os granates, en caso de vencer, sumarían 70 puntos, é dicir, 19 máis que o cadro redondelano, con só seis xornadas (18 puntos) por disputar

Adestramento do Pontevedra celebrado no campo do Carrasco en Marcón
Adestramento do Pontevedra celebrado no campo do Carrasco en Marcón / Diego Torrado

Primeiro obxectivo ao alcance da man. O Pontevedra ten a tiro a posibilidade de lograr a clasificación matemática para disputar o play-off de ascenso a Segunda División B en caso de conseguir os tres puntos no partido que lle enfronta ao Barbadás, en Pasarón (domingo, 17:00 horas).

Os resultados producidos nos partidos adiantados á xornada, disputados este xoves, deixan ao quinto clasificado, o CD Choco, con 51 puntos. Os granates, en caso de vencer, sumarían 70 puntos, é dicir, 19 máis que o cadro redondelano, con só seis xornadas (18 puntos) por disputar.

Non cabe dúbida de que é todo un aliciente que permitiría centrarse xa en asegurar o campionato, loita da cal parece ter quedado descolgado o Cerceda, tras perder no Roxo fronte ao Arosa, o que obriga ao que ata agora era considerado como máximo rival do conxunto granate, a mirar máis cara aos equipos que veñen por detrás que cara a arriba, onde o Deportivo B, se gaña tamén o domingo ao Boiro, pasaría a ser o último obstáculo dos de Luisito na súa carreira cara a un título que parece só cuestión de tempo.

Pero a tarefa non será doada. O Barbadás chega coa vitola de ter tombado precisamente o Cerceda a xornada anterior, o que lle deu unha importante marxe e unha gran tranquilidade na súa loita por escapar dos postos comprometidos, pero a súa posición segue sendo delicada, polo que chegará a Pasarón buscando algún dos puntos en disputa.

O partido será dirixido polo colexiado Pablo Álvarez Calderón (Vigo), auxiliado nas bandas por David Veloso Prado e David Martínez Barciela.

Os granates realizaron o último adestramento da semana no campo do Carrasco, en Marcón. Alí Luisito dirixiu unha sesión na que reinou o bo ambiente e a tranquilidade, pero sen confianzas. O técnico ten á súa disposición por primeira vez en moitas semanas á totalidade do seu equipo, se ben algún dos seus xogadores como Capi e Pedro García, están aínda na recta final da súa preparación, e concretamente no caso do defensa central será o único que o adestrador descartou anticipadamente, deixándoo fose da lista de convocados, ao considerar que non é conveniente forzar a súa reaparición.

Dese modo, serán 20 os xogadores citados para o partido fronte ao Barbadás, incluído Tomás, que abandonou o traballo un pouco antes que os seus compañeiros, pero fíxoo por precaución ao notar unha sobrecarga muscular no xemelgo, pasando ás mans do fisioterapeuta Manu Barros, e estará en condicións de ser aliñado, se o técnico o estima oportuno, nunha lista da que deberán ser excluídos catro xogadores antes do partido.