Pasaron xa uns días, pero o Tenis de Mesa Monte Porreiro segue nunha nube polos resultados conseguidos polos seus deportistas no Torneo Estatal e no Campionato de España celebrado en Tarragona.
A punta de lanza foi a histórica medalla de ouro de Miguel Ángel Vílchez na competición individual absoluta masculina, o seu primeiro título nacional e tamén todo un fito para o modesto club pontevedrés.
A iso sumáronse tres medallas estatais, co ouro infantil de Jiaqi Guo, a prata benxamín de India Franco e o bronce sénior de Judith Cobas.
Tal e como recoñece o Monte Porreiro, son "os mellores resultados da nosa historia".
Por ese motivo prepararon unha xornada moi especial de celebración para este próximo venres 21 de marzo.
O día arrancará cunha visita escolar ao CEP Marcos da Portela de Monte Porreiro, ás 10.00 horas. Trátase dun lugar especial, pois é onde empezou a adestrar o club fai xa máis de 26 anos.
Alí estuda de feito unha das medallistas estatais, India Franco, e alí recibirán a calor de todos os alumnos, estando prevista tamén unha exhibición.
Tras esta cita a atención trasladarase ás 12.30 horas até o Concello de Pontevedra, onde está prevista unha recepción oficial por parte da administración local.
Pero non será o final das celebracións, xa que o mellor farase de rogar até as 20.00 horas, momento no que arrincará unha festa con recibimento aos medallistas no Centro Cultural de Monte Porreiro.
Será un acto aberto a toda a cidadanía e que porá o broche a unha xesta deportiva que tardará moito tempo en esquecerse.