Cecilia Casal García, deportista pontevedresa, conquistou a medalla de bronce no Campionato de España por Clubs de Taekwondo 2024, celebrado esta fin de semana na Nucía (Alacant), sumando así un novo éxito ao notable palmarés do Club Mace Sport de Pontevedra.
Casal, que competiu na modalidade de técnica (poomsae) en categoría cadete, protagonizou unha actuación sobresaínte o 8 de decembro.
A taekwondista quedou a tan só dúas décimas da prata e catro da presea dourada nunha final de extraordinario nivel técnico, onde se mediu a máis de 40 competidoras de toda a xeografía española.
Con apenas 14 anos e baixo a tutela de dous referentes do taekwondo como Miguel Cortegoso e Marcos Silva, a deportista pontevedresa deu o salto ao panorama nacional tras dominar os circuítos provincial e autonómico, materializando así o seu primeiro podio nunha competición oficial de ámbito estatal.
O éxito de Casal súmase á extraordinaria actuación xeral do Club Mace Sport neste campionato.
Na modalidade de combate, o club pontevedrés xa colleitara tres medallas: dous bronces logrados por Anxo Pazos en sub-21 e Nicolás Casas en cadete, ademais dun ouro conseguido por unha espectacular Noa Martínez en categoría alevín.