Nadal, fin de ano, tempo de reencontros. Con familiares, con amigos ou compañeiros de traballo, en definitiva, con persoas coas que se manteñen lazos e vínculos creados tras compartir momentos e vivencias. Ese é o caso dun grupo de persoas que por unhas razóns ou outras formaron parte nalgún momento da SD Teucro, que se reuniron o pasado luns, día 30, para despedir o ano e lembrar tempos pasados.
No grupo da foto podemos ver a presidentes como Fernando Gago ou José Calvo, adestradores como Modesto Augusto, ou xogadores como Juan Domínguez, Javi Díaz, Rafa Dasilva ou José Luis Fernández "Txof".
Primeiro uns viños, despois unha cea. Sobre a mesa, despois dos saúdos de rigor, os comentarios deportivos. Sobre a situación do Teucro, naturalmente, versaron a maior parte das conversacións. Mesmo houbo quen lles viu e atreveuse a propoñerlles que presentasen candidatura para tomar as rendas do club neste momento de baleiro de poder.
A resposta quedou no secreto do sumario, pero polo que puidemos saber, algún deles non faría noxo á devandita posibilidade se contase con compañeiros de viaxe como os presentes nesta ocasión.