Só dous torneos en toda España teñen a máxima categoría do circuíto internacional junior de tenis da ITF, o Grao 1, e un deles é o J300 Sanxenxo.
A 22 edición do ITF World Tennis Tour Juniors Sanxenxo disputarase a partir do próximo domingo 13 de outubro nas pistas do Círculo Cultural Deportivo (CCD), club que se iguala á prestixiosa Ferrero Tennis Academy da Comunidade Valenciana como a outra sede dun evento de igual nivel.
Polo CCD pasaron en todos estes anos tenistas que agora dominan o circuíto profesional como Carlos Alcaraz, Jannik Sinner, Alexander Zverev, Casper Ruud ou a medalla de bronce olímpica Cristina Bucsa, entre outros. Aspira tamén a iso o gañador masculino de 2023 en Sanxenxo, Rafa Jódar, que vén de vencer no último US Open Júnior.
Todo un escaparate que se nota na inscrición, con máis medio milleiro de solicitudes entre as categorías masculina e feminina para un torneo que contará tamén con representación galega, coas viguesas Carlota Souto e Aranai Martínez, os coruñeses Nicolás Bellas e Miguel del Castillo e o santiagués Yeray Quián.
O ITF World Tennis Tour Juniors Sanxenxo prolongarase até o próximo 20 de outubro, pero antes de iniciarse e a modo de quecemento celebrou a súa presentación oficial cun acto ao que acudiron entre outros o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o concelleiro de deportes do Concello de Sanxenxo, Marcos Guisasola; e o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera; ademais do presidente do CCD, Francisco Hernández.