Catro pezas máis para o banco do Arosa

O Salnés
29 de xuño 2024

Catro pezas máis completan o banco do Arosa. Marcos Bermúdez será o novo adestrador de porteiros, Marcos Davila o fisioterapeuta, Pedro Lago renova como podólogo e Samuel Álvarez Caneda 'Mosto', adestrador do Benxamín A, será tamén o delegado e utillero do primeiro equipo

Pedro Lago, podólogo do Arosa
Pedro Lago, podólogo do Arosa

Catro pezas máis completan o banco do Arosa.

Marcos Bermúdez será o novo adestrador de porteiros, Marcos Davila o fisioterapeuta, Pedro Lago renova como podólogo e Samuel Álvarez Caneda 'Mosto', adestrador do Benxamín A, será tamén o delegado e utillero do primeiro equipo. 

No caso de Bermúdez, formouse na canteira do Real Madrid, onde estivo en categoría cadete e xuvenil. Máis adiante xogou en equipos como Celta B, Portonovo, Vilalonga e Céltiga. Como adestrador de porteiros leva desde 2016 colaborando co Grupo Asesport, grazas ao cal adestrou porteiros das bases do Vilalonga e do Poio, entre outros. "A oportunidade que me dá o Arosa é irrechazable. Por nome, calidade de plantel e ambicións non podo ter unha mellor oportunidade", indicou.

O vilagarcián Marcos Davila, pola súa banda, admitiu estar "moi contento de formar parte deste proxecto no que creo" e regresa ao Arosa por terceira vez para continuar coa súa traxectoria profesional como fisioterapeuta no mundo do fútbol.

Pedro Lago será o podólogo do primeiro equipo por décima tempada, a cal afronta "con ganas de aportar e traballar en conseguir os obxectivos", mentres que Samuel Álvarez Caneda 'Mosto' será o novo delegado e utilleiro do primeiro equipo, o que compaxinará coa súa labor na base como adestrador do Benxamín A.