O boxeo marinense está de parabéns tras o gran papel dos seus deportistas en Palencia.
Catro púxiles do Team Thunder participaron na localidade castelán-leonesa no Campionato de España de Clubs, logrando uns resultados que resaltan o traballo que vén realizando o club.
Foron os infantís Martín Grandío e Manuel Rodríguez e a elite Raúl Loira e Aarón González, e todos eles pisaron podio.
Manuel Rodríguez competiu na categoría de -32 quilos infantil, logrando un meritorio terceiro posto.
Martín Grandío pola súa banda competiu en 34 quilos, dúas categorías por encima do seu peso, chegando a plantarse na gran final aínda que cedendo no combate definitivo para quedar finalmente coa medalla de prata.
No que respecta á categoría elite o xoven Raúl Loira protagonizou un gran campionato, dobregando en primeira rolda o campión galego Silvestre Gómez e superando a semifinal ante un boxeador do The Boxer Club de Zaragoza.
Na pelexa polo título esperáballe un duro rival como é o campión do mundo novo 2022, o deportista de orixe cubana Adrián Fresneda. Raúl non logrou vencer, pero colgou ao pescozo unha gran prata.
O palmarés do Team Thunder en Palencia completouno o incombustible Aarón González ao conseguir a medalla de bronce ao ceder unicamente nas semifinais ante o boxeador que finalmente se terminaría proclamando campión nacional.