A Federación Internacional de Tríatlon (World Triathlon) deu a coñecer a lista de saída para a cita da Copa do Mundo que se celebrará en Pontevedra o próximo 24 de xullo, confirmando un auténtico cartel de luxo.
A cita, que servirá para testar o circuíto que se usará na Gran Final das Series Mundiais de 2023, contará entre outros coa presenza do ídolo local, Javier Gómez Noya. O pentacampión mundial en distancia olímpica, centrado agora na longa distancia, fará unha paréntese nesa especialidade para deixarse ver de novo nunha competición da Federación Internacional, aproveitando que se corre na casa.
Gómez Noya é un dos grandes nomes que figura na lista de rexistrados, que aínda pode sufrir variacións. Xunto a el aparecen outros campións mundiais como o mallorquino Mario Mola ou o británico Jonathan Brownlee, ademais do vigués Antonio Serrat, o talaverano Fernando Alarza ou outras figuras internacionais como o surafricano Henri Schoeman, bronce olímpico en 2016, ou o portugués Joao Pereira, campión europeo en 2017.
Tamén na lista de saída feminina figuran importantes nomes, sobresaíndo o da británica Georgia Taylor- Brown, subcampioa olímpica en Tokyo e actual líder do ranking da World Triathlon. As nacionais Miriam Casillas e Anna Godoy tamén figuran na lista de saída coa intención de estar en Pontevedra.
Unha Copa do Mundo de altos voos que volverá poñer a Pontevedra no foco do tríatlon mundial e que promete espectáculo. Os afeccionados ao deporte están de parabén.