Carlos Sánchez Montes, presidente de DETRADI: "Tras unha doazón hai vida e vida de calidade que mesmo permite facer estas cousas"

Pontevedra
24 de agosto 2024

Carlos Sánchez Montes vén de sumar catro medallas de ouro ao seu currículo como deportista e como deportista trasplantado. Con el, outros catro integrantes de DETRADI, conseguiron oito medallas máis nos Xogos Europeos para Trasplantados celebrados en Portugal

Carlos Sanchez Montes é presidente da Asociación de Deportistas Trasplantados y en Diálisis de Galicia
Carlos Sanchez Montes é presidente da Asociación de Deportistas Trasplantados y en Diálisis de Galicia /

Carlos Sánchez Montes suma desde este pasado xullo catro medallas máis no seu haber deportivo. Consecución nos XII Xogos Europeos para Transplantados celebrados en Portugal. El xunto aos cinco deportistas galegos que viaxaron a Lisboa trouxéronse en total doce medallas, dez ouros e dúas pratas.

Galicia copaba a representación española nesta competición. Algo que non é de estrañar coñecendo o ímpeto e dedicación que Carlos Sánchez ponlle a DETRADI, a Asociación de Deportistas Transplantados e en Diálise de Galicia, que preside desdedecembro de 2022, cando se fundou. El non só compite como deportista transplantado, tamén en competicións de atletismo en categoría máster, nas que igualmente ten feito podio. 

Con ese paraugas de DETRADI, Mario López Payo (deportista en diálise) conseguiu catro ouros e unha prata en natación. Carlos (transplantado de fígado) fíxose con catro ouros en lanzamentos. Santiago López Chao (transplantado de corazón) ouro e prata en probas ciclistas. Alejandro López Meira (transplantado de corazón e oriúndo de Poio), ouro en ciclismo. Carlos Iglesias Souto (transplantado de ril), fixo en golf un empate co terceiro clasificado.

En referencia ás convocatorias deportivas para persoas trasplantadas, Carlos lamenta que a pesar de que España é desde hai 32 anos o primeiro país do mundo en doazóns e transplantes, a representación nestes eventos é escasa: "isto é obviamente pola falta de axudas. Ir a un evento destes pode supoñer 1.500 euros por persoa e esta cantidade non se pode afrontar".

Seguidamente engade que no caso de DETRADI "foi posible grazas á axuda de Ence e o seu Plan Social. Estamos superagradecidos porque non só permitiunos participar neste evento, senón tamén pagar seguros, adquirir equipamentos ou sufragar gastos diversos que conleva o sostemento e actividade da asociación". Noutros países teñen axudas económicas e compensacións por medallas conseguidas "neste Europeo había unha cantidade incrible de alemáns e tamén de húngaros, e nós os españois creo que eramos doce".

En canto á actividade da asociación a primeira mensaxe que traslada é que "hai que saber que tras unha doazón hai vida, e vida de calidade que mesmo permite facer estas cousas". E prioriza a palabra doazón sabendo que significa tamén un transplante, porque Carlos sempre insiste no agradecemento ás persoas doantes e ás súas familias. Algo que segue facendo diariamente desde que pasou por ese transo hai unha década.

A final deste ano DETRADI cumprirá dous anos. Seguen facendo traballo de visibilización das súas dúas liñas de traballo. Unha, a parte social consistente en axudar ás persoas en lista de espera de transplante ou transplantadas e as súas familias; e doutra a parte deportiva. "Consideramos que a actividade física, o deporte, forma parte esencial da preparación para o transplante e para a recuperación tras o transplante".

Deste 2024 destacan o inicio da súa colaboración con ADOS a través da que están a ofrecer charlas en centros educativos para promover a doazón de órganos; poñer en marcha un torneo de golf solidario na Coruña que queren teña continuidade, a súa participación nos Xogos Europeos e o próximo 22 de setembro colaborarán na organización con ALCER Lugo dunha carreira - camiñada solidaria

E miran cara a 2025 porque xa se preparan, se os condicionantes económicos permíteno, para os Xogos Mundiais de Transplantados que celebrarán en agosto en Dresden, Alemaña. O que uns transplantes permiten... que non o impida o diñeiro.