Carlos Álvarez, un MVP pontevedrés na Liga Asobal

Pontevedra
09 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O extremo pontevedrés está a protagonizar un gran papel na súa primeira tempada no Ademar León. Ademais de ser o máximo goleador da liga, foi elixido polos afeccionados como mellor xogador do mes de marzo

Carlos Álvarez, MVP do mes de marzo na Liga Asobal
Carlos Álvarez, MVP do mes de marzo na Liga Asobal /

Foi unha das sensacións a pasada tempada na Liga Asobal pese ao descenso do Cisne, pero este curso Carlos Álvarez deu un paso máis á fronte na súa espectacular progresión no que é o seu primeiro curso no Ademar León.

O extremo pontevedrés é aos seus 20 anos peza clave nos esquemas dun dos clubs históricos do balonmán nacional, que marcha quinto na máxima categoría, tendo participado nas 24 xornadas do campionato cunha media de 6,42 goles por partido.

Mellora desta forma os números xa importantes que asinou co Cisne no seu debut en Asobal (4,57 goles por encontro).

Carlos é de feito o máximo goleador do campionato con 154 tantos, polos 129 que acumula o segundo mellor artilleiro, Adrián Nolasco (Porto Sagunto).

Este rendemento valeulle ademais o recoñecemento dos afeccionados, que lle escolleron como o xogador máis valioso (MVP) do mes de marzo, recibindo o 49% dos votos e superando a Pablo Simonet (Ciudad Encantada) e Krystian Witkowski (Benidorm).