Carlos Álvarez recibe por primeira vez a chamada da Selección Española Absoluta

Pontevedra
18 de outubro 2024
Actualizado: 15:21

A progresión do extremo pontevedrés, elixido mellor xogador da Liga Asobal a pasada tempada, non pasou desapercibida para o seleccionador nacional Jordi Ribera

Carlos Álvarez, coa Selección Española Xuvenil no Campionato de Europa sub-19 de Croacia
Carlos Álvarez, coa Selección Española Xuvenil no Campionato de Europa sub-19 de Croacia / European Handball Federation

Aos seus 21 anos, Carlos Álvarez vaise a converter oficialmente en internacional.

O extremo pontevedrés, actulamente nas filas do Ademar de León, recibiu por primeira vez a chamada da Selección Española Absoluta.

A súa gran progresión, desde que debutou na máxima categoría co Cisne e que lle levou a ser elixido a pasada tempada mellor xogador da Liga Asobal ademais de máximo goleador, non pasou desapercibida para o seleccionador nacional, Jordi Ribera.

O técnico incluíu a Carlos Álvarez na convocatoria dos 'Hispanos' para a segunda ventá da fase de clasificación para o Europeo de 2026, na que España se medirá a Italia e Letonia.

En concreto España xogará o próximo 6 de novembro ante o conxunto italiano en Porto Sagunto, e o día 10 medirase a Letonia no Zemgales Olimpiskais de Jelgava.

Álvarez é un dos 16 xogadores seleccionados, nunha lista na que tamén debuta Víctor Romero (BM. Granollers) e na que se mantén o gardameta cangués Rodrigo Corrales (MKB Veszprém).

A chamada da Selección chégalle a Carlos Álvarez na súa terceira campaña na elite. Formado no Cisne, anotou 137 goles na súa estrea en Asobal co club da súa cidade, aumentando o seu rendemento co salto a León con 198 tantos. Esta campaña pola súa banda xogou xa catro encontros de liga cunha media de 6,5 goles por partido.