Carlos Álvarez e Álex Chan, candidatos do Cisne para entrar no All-Star Team da Liga Asobal

Pontevedra
10 de maio 2023

Os afeccionados, os clubs Asobal e representantes de medios de comunicación nacionais serán os encargados de decidir, cos seus votos, os 10 integrantes definitivos do All-Star Team 

Álex Chan, no partido de liga Asobal entre o Cisne e o BM Logroño
Álex Chan, no partido de liga Asobal entre o Cisne e o BM Logroño /

A tempada do Club Cisne Balonmán non foi a máis sinxela de historia, pero segue competindo coa cabeza alta na súa segunda incursión na máxima categoría. Así se demostra na lista de candidatos a entrar no All-Star Team da Liga Asobal 2022-2023.

Entre os 50 xogadores preseleccionados á distinción atópanse dúas do equipo pontevedrés, Carlos Álvarez e Álex Chan.

O primeiro deles, Carlos Álvarez, foi de feito nomeado por partida dobre, como candidato a xogador revelación e tamén como mellor extremo dereito, demostrando que a pesar da súa mocidade consolidouse na elite do balonmán nacional a un ritmo asombroso. O 6 do Cisne compite na primeira desas categorías con Faruk Yusuf (Granollers), Nico Bono (Sinfín), Antonio Martínez (Ademar León) e Javier Rodríguez (Logroño La Rioja), mentres que os outros aspirantes ao premio a mellor extremo son Antonio Martínez (Ademar León), Jenilson Varela (Cangas), Rudolph Hackbarth (Huesca) e Iñaki Cavero (Bidasoa Irún).

Pola súa banda Álex Chan, que encabezou gran parte da tempada a clasificación de máximos goleadores, aspira a ser elixido como mellor central da tempada xunto a Isidoro Martínez (Torrelavega), Nico Bono (Sinfín), Juan Castro (Ademar León) e Borja Méndez (At. Valladolid).

Os afeccionados, os clubs Asobal e representantes de medios de comunicación nacionais serán os encargados de decidir agora, cos seus votos, os 10 integrantes definitivos do All-Star Team, nun proceso que se manterá aberto ata o vindeiro domingo 14 de maio.