Carla Santoro dá o salto ao Equipo Nacional de Promesas Paralímpicas de Tríatlon

Ponte Caldelas
11 de marzo 2025

A xove deportista caldelá está entre os doce seleccionados para o equipo de Promesas Paralímpicas impulsado pola Federación Española de Tríatlon e o Comité Paralímpico Español

Carla Santoro, durante unha competición
Carla Santoro, durante unha competición / Vanesa Cernadas

Importante paso adiante na carreira deportiva de Carla Santoro.

A xove deportista de Ponte Caldelas, de só 15 anos, acaba de ser incluída no novo Equipo Nacional de Promesas Paralímpicas de Tríatlon, para a tempada 2025, no que será o seu debut no tríatlon paralímpico.

Carla, que en atletismo defende as cores da Sociedad Gimnástica e en tríatlon os do Club Deportivo Delikia, está entre os doce deportistas seleccionados para o equipo de Promesas Paralímpicas impulsado pola Federación Española de Tríatlon e o Comité Paralímpico Español e que foi presentado este luns en sociedade.

Trátase dun proxecto que contará, en palabras da Federación Española, coa "presenza de triatletas xa presentes no ranking internacional e que buscarán neste ciclo asentarse entre a elite do tríatlon paralímpico coa vista posta en Los Ángeles, e o acceso ao equipo de xóvenes triatletas cos que se empezará a traballar con obxectivos a medio-longo prazo".

Nese segundo grupo estará Carla Santoro, que compite na categoría PTVI de deportistas con discapacidade visual.

A súa inclusión neste programa suporá a participación regular en concentracións nacionais, nas que se someterá a adestramento de iniciación e técnica en todos os sectores e transicións.

Ademais recibirá formación en áreas como nutrición ou mecánica.

No equipo nacional paralímpico estará tamén outra deportista galega, Claudia Tubío, do Club Tríatlon Rianxo.

Kini Carrasco, responsable do equipo nacional paralímpico, asegurou na presentación da tempada que "para este ciclo de Los Ángeles 2028 o grupo de Promesas Paralímpicas preséntase con moitísima proxección, con mozos e mozas moi novas, e entre eles cinco sub 18 que nos aseguran o futuro do noso deporte. Estamos moi ilusionados, será difícil repetir o ciclo anterior, pero chegou xente con moita calidade e que sendo tan novos non só contaremos con eles para un ciclo de catro anos senún nun futuro mesmo máis a medio e longo prazo".