Carla Santoro Cernadas segue crecendo no deporte inclusivo

Pontevedra
07 de xullo 2024

Esta moza caldelana continúa superándose na práctica do tríatlon sen que a discapacidade visual fréea. Ela segue crecendo no deporte inclusivo a pesar de que o deporte inclusivo non o faga ao mesmo ritmo que requirirían quen, como Carla Santoro, póñenlle nome con medallas e récords

A triatleta Carla Santoro Cernadas competirá este xullo en Lleida
A triatleta Carla Santoro Cernadas competirá este xullo en Lleida / PontevedraViva

Carla Santoro ten agora catorce anos. Coñecémola en 2018, cando comezou coa práctica do tríatlon e empezou a gañar as súas primeiras medallas en atletismo federada coa ONCE. Ao ano seguinte xa se colgaba dous ouros no Campionato Nacional de Promesas Paralímpicas e facíase co récord nacional de salto de lonxitude en categoría benxamín.

Agora compite en categoría cadete e segue sumando metais e superando marcas. Das competicións nas que participou neste 2024, nese mesmo Campionato de España de Promesas Paralímpicas de Atletismo celebrado esta vez en Valencia, fíxose co ouro en 1000 metros, 100 metros e salto de lonxitude.

Tamén participou en Zaragoza no Campionato de España de Marcha (non inclusivo); en Madrid no Campionato de Promesas Paralímpicas de Atletismo quedou primeira en 100 e 1000 metros lisos co récord de marca que baixou a 3:25" minutos; e este xuño no Campionato de España de Tríatlon por Clubs de Pontevedra quedou primeira galega e en Mérida no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, terceiros de España nas substitucións mixtas inclusivas.

Coa perspectiva destes seis anos Carla dinos "ao principio víao súper complicado, canso e duro. Logo cando empezas a competir velo súper bonito, non te fixas no cansazo, nin nas medallas, senón na experiencia que estou a vivir". Nesta experiencia menciona aos compañeiros que vai tamén sumando "por toda Galicia e toda España, sempre". Todos lle animan a continuar.

Cada día dedícalle dúas horas ao adestramento; tres días atletismo con Manolo Hurtado; tríatlon en Vigo con Luis Piña, Celso Comesaña e Ramón Troncoso do Club Delikia; e tamén piscina no Club Sapo de Pontevedra con David Bemposta. Agora que o curso escolar rematou incrementa as horas de adestramento. A próxima cita será en Lleida este xullo no Campionato Nacional de Atletismo e no outono agárdalle Sevilla co cros.

A triatleta Susana Rodríguez segue sendo a súa referencia. De feito Carla viaxará a París para apoiala na súa participación durante os Xogos Paralímpicos. É o club inclusivo Delikia o que lle facilitou unha guía, a deportista Uxía Bautista "que fai un gran sacrificio porque a parte das súas competicións, tamén compite e adestra comigo".

Disciplina, compromiso, esforzo, superación. É un exemplo para calquera persoa, para calquera deportista e igualmente para o deporte inclusivo en particular. De feito, chámana para ofrecer charlas en colexios e institutos. Anímalles, con discapacidades ou non, a que realicen deporte e unha máxima que lles repite: "que a pesar da discapacidade que teño con esforzo e constancia pódese conseguir todo".

O deporte inclusivo segue adoecendo dun respaldo auténtico, en todos os sentidos, por parte das administracións e entidades con competencias. Por exemplo, no Campionato celebrado en Mérida só participaron cinco autonomías. E en Galicia nomea a cinco deportistas máis que compiten con algunha discapacidade.