Carla Fernández, unha renovación no Arxil con ganas de volver ás pistas

Pontevedra
08 de agosto 2022

A xogadora viguesa, que volverá este curso ás canchas superada unha grave lesión de xeonllo, cumprirá a súa décimo terceira tempada no Arxil

Carla Fernández, no partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Maristas Coruña no CGTD
Carla Fernández, no partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Maristas Coruña no CGTD /

Se hai unha xogadora no Club Baloncesto Arxil que conta os días para volver vestirse de curto co inicio de competición na Liga Feminina 2 esa é Carla Fernández.

A base viguesa, lesionada de gravidade no seu xeonllo en decembro e operada no principio do ano, chegará plenamente recuperada ao novo curso, para o que renovou a súa vinculación coa entidade verde.

Será a súa décimo terceira campaña no Arxil, no que é unha das capitás do equipo.

"É un xogadora determinante no esquema do equipo pola súa boa porcentaxe nos lanzamentos de tres, e a polivalencia en ataque e defensa", afirma o club pontevedrés.

Pola súa banda Carla Fernández recoñece que "o principal obxectivo a nivel individual é volver recuperar sensacións e volver estar o meu nivel, que sei que non será fácil. A nivel colectivo, téñoo claro, ascender", afirma con ambición.

Carla é a sétima xogadora confirmada no Arxil para a próxima tempada tras as renovacións de María Lago, Heather Forster, Nerea Liste, Miriam García e Cristina Díaz-Pache e a fichaxe de Carolina Bernardeco.