Asegura o Team Thunder, club marinense de boxeo, que o pavillón da Cañota gañouse o sobrenome de 'Madison Square Garden Galego'.
Pode parecer unha esaxeración, pero o certo é que poucos recintos na comunidade poden presumir de contar cunha programación regular de veladas e co apoio tan fiel do público.
É o que sucedeu unha vez máis o fin de semana coa celebración da VI Copa Galicia, unha cita que enfronta a equipos do norte e sur da rexión e que abarrotou o pavillón marinense.
Contou con até nove combates e poñendo en xogo tres cintos de campión galego 'neoprofesional'.
Un deles enfrontaba ao campión nacional Aarón González, e o marinense como anfitrión do evento retivo o seu cinto gañando por decisión unánime a Carlos García (norte).

Ademais Gorka Papín (norte) venceu o tamén local Raúl Loira e Xabi Abal (equipo sur) superou a Manu Castro.
En canto ao resto de combates Branyel Maleno (sur) venceu a Carlos Jackson (norte), Pepe Reguera (sur) a Adrián Garrido (sur) e Noé Vila (sur) a Álvaro Pampín (norte). Ademais Cristian Santos e Daniel Díaz empataron no seu enfrontamento e polo norte galego Nahir González gañou a Ariadna Becerra (sur) e Mar Prieto superou a Sara Álvarez (sur) nun combate parado polos árbitros por lesión.
O cómputo xeral foi por tanto de cinco combates gañados para o equipo das provincias de Ourense e Pontevedra, tres vitorias para o combinado de Lugo e A Coruña e un empate.