Un dos campos máis pequenos do fútbol nacional agarda o Pontevedra en Llanera

Pontevedra
21 de novembro 2024

O Pepe Quimarán, estadio no que xoga os seus partidos a UD Llanera, mide 56 metros de ancho, 12 metros menos que o Estadio Municipal de Pasarón. A única visita granate alí saldouse con derrota

Partido UD Llanera e Pontevedra CF na tempada 21-22
Partido UD Llanera e Pontevedra CF na tempada 21-22 / PontevedraViva

Festexada como se merece a xesta copeira de eliminar o Levante de Segunda División, o Pontevedra Club de Fútbol volve centrarse na realidade ligueira, e faino cunha das saídas máis especiais da tempada pola súa complexidade.

Nada ten que ver niso a posición na táboa da UD Llanera, décimo cuarta con 10 puntos, senón as características da súa casa.

O Estadio Pepe Quimarán no que xoga os seus partidos o conxunto asturiano pasa por ser un dos campos máis pequenos en canto a dimensións de todo o fútbol nacional.

En concreto as súas medidas oficiais son de 90 metros de longo por 56 de ancho. Isto supón que o terreo de xogo sintético do Pepe Quimarán é 12 metros! máis estreito que o Estadio Municipal de Pasarón e 15 metros máis curto.

De feito non lle sobra nin un centímetro de longo ao feudo do Llanera, xa que 90x45 é a medida mínima que reflicte a normativa da Real Federación Española de Fútbol.

No que respecta a Pasarón, as medidas que sinala o Pontevedra na súa páxina oficial sinalan que mide 105x68 metros.

Todo un reto por tanto para o equipo adestrado por Yago Iglesias, xa que irremediablemente o xogo verase condicionado por esta circunstancia máis que pola superficie de céspede artificial, dificultando o xogo de posesión e ofensivo que caracteriza os granates.

Tocará seguro pór o mono de traballo para tentar facerse cun bo resultado e completar a súa primeira defensa do liderado.

Cabe lembrar que para iso o Pontevedra non poderá contar esta xornada con dúas dos seus efectivos do centro do campo, Samu Mayo e Yelko Pino, ao estar sancionados.

Será a segunda vez na súa historia que o equipo pontevedrés visite o Pepe Quimarán. A anterior, na tempada 21-22 tamén en Segunda RFEF, saldouse con derrota por 1-0. Todo un aviso.