O novo sistema de base elástica instalado no campo de fútbol de Chan da Barcia tras a súa recente renovación para tentar minimizar o efecto das inundacións "funcionou".
Así o asegura o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, despois de comprobar o estado da instalación, afectada este mércores polo desbordamento do río Verdugo.
"Aínda que as imaxes son moi rechamantes, simplemente haberá que estirar unha pequena parte do tapete", confirmou o rexedor tras a inspección dos técnicos.
Soamente, defende, haberá que esperar "a que seque, estirar o céspede e listo", o que permitirá que "en dúas semanas estea operativo e practicamente sen custo".
Ademais, confirma Andrés Díaz que os adestramentos dos equipos poderanse seguir realizando na zona do campo que non resultou afectada, e sinala que a auga do río entrou á instalación de forma natural polo lateral, pero non así pola zona do portalón na que se formou unha onda. Esta foi a que provocou os danos. Por iso "a solución está en cambiar o portalón para o lateral do pavillón", sinalou.