A segunda edición do Torneo Pontevedra Internacional Junior U14, incluído dentro do circuíto Tennis Europe Junior Tour, traerá de novo á Boa Vila a algunhas das grandes promesas do mundo da raqueta, nunha categoría que pasa para a maioría por ser a súa primeira experiencia internacional.
A pesar da súa mocidade, o torneo pontevedrés subiu xa de nivel e aspira a chegar a ser o próximo ano de categoría 1. Iso nótase nunha inscrición na que figuran campións nacionais de varios países e ata Jaime Alcaraz, o irmán menor de Carlos Alcaraz, actual número 3 da ATP.
A competición, na súa fase final, arrincará o vindeiro luns 16 de setembro nas pistas do Club de Tenis Pontevedra na Caeira, con cadros de 32 xogadores (invidual masculinos e feminino e tamén de dobres) ata as finais previstas para o sábado día 21.
"É un torneo de balde, así que calquera que queira achegarse á Caeira está convidado", lembrou na súa presentación oficial o presidente do Club de Tenis Pontevedra, Andrés Martínez.
No acto a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, mostrou ademais a súa disposición para seguir apoiando este evento deportivo no futuro confiando en que "sexa a segunda edición de moitas máis".