O Campionato Internacional Cidade de Pontevedra, un "orgullo" para o taekwondo galego

Pontevedra
28 de outubro 2024
Actualizado: 13:01

Na súa XXVI edición a competición organizada polo Club de Taekwondo Mace-Sport reunirá durante tres xornadas 1.536 deportistas de 72 clubs de España e Portugal

Presentación do XXVI Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo
Presentación do XXVI Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo / Concello de Pontevedra

O Pavillón Municipal dos Deportes será escenario do 1 ao 3 de novembro de XXVI Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra.

Un evento deportivo convertido en "un orgullo para toda Galicia", sinalou durante a súa presentación o seleccionador autonómico Toño Ríos.

"Estamos moi contentos coa xente que vén", sinalou pola súa banda Miguel Ángel Cortegoso como máximo responsable do club organizador, o Mace-Sport. Fíxoo emocionado durante a súa intervención polo recordo ao recentemente fallefico Pablo Hinojar, ao máter do Ximnasia Pontevedra, ao que pretenden homenaxear.

Serán en total 1.536 os deportistas que participarán durante tres días no campionato, de 72 clubs de España e Portugal.

"Vai ser un éxito coma sempre", defendeu pola súa banda o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrando que xunto ao Europeo de Ciclocrós será "unha fin de semana absolutamente deportiva" na Boa Vila.

Tamén acudiron á presentación do evento o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

O Cidade de Pontevedra de taekwondo dará comezo o venres 1 de novembro ás 9.00 horas coas modalidades de exhibición e freestyle, para seguir ás 10.30 horas co 'poomsae' e ás 17.00 horas coa modalidade de combate en categoría absoluta e máster.

O sábado día 2 será quenda desde as 9.00 horas para as categorías júnior e precadete masculina e desde as 16.00 horas da júnior e infantil feminina, mentres que o domingo 3 de novembro disputarase desde as 9.00 horas a competición cadete de combate.