O Campionato Galego de Bateis aterra en Bueu

Bueu
15 de abril 2025

Os días 19 e 20 de abril disputarase en Bueu o XL Campionato Galego de Bateis que organiza a Federación Galega de Remo

Presentación en Bueu do Campionato Galego de Bateis
Presentación en Bueu do Campionato Galego de Bateis / Concello de Bueu

Deporte con maiúsculas en Bueu para pór a guinda á Semana Santa.

O peirao da vila morracense será escenario o sábado 19 e o domingo 20 de abril dunha das citas máis importantes do calendario autonómico de remo, o XL Campionato Galego de Bateis.

A cita organizada pola Federación Galega de Remo, o Club do Mar de Bueu e o Concello contará cunha ampla participación, con 96 embarcacións inscritas.

O campionato disputarase a dobre xornada: o sábado terán lugar as clasificatorias a partir das 10.30 horas, e o domingo, as finais, que se poderán seguir desde as 11.00 horas.

Neste evento porase en xogo ademais a clasificación ao Campionato de España de Bateis que se celebrará en Castro Urdiales.

"Se hai uns anos nos din que Bueu ía ser a sede de tantos campionatos importantes, non o creriamos", afirmou na presentación do campionato o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacando que "estamos diante dun evento no que conflúen todos os valores que representamos, como a colaboración entre as administracións, a capacidade de organizar actividades con gran participación, e tamén o labor de igualdade para contar con equipos tanto masculinos como femininos na competición".

"É unha honra para o noso club organizar un dos eventos máis vivos de todo o remo, pero no que tamén hai moito esforzo e traballo", destacou á súa vez o presidente do Club de Mar de Bueu, Manuel Juncal.

Este campionato reúne a deportistas de todas as categorías do remo, desde alevín a absoluto.