O Campionato de Europa de Ciclocrós toma Pontevedra

Pontevedra
31 de outubro 2024

Todo está listo xa en Pontevedra para gozar do Campionato de Europa de Ciclocrós, tras unha xornada de xoves de adestramentos e toma de contacto no circuíto da Illa das Esculturas

Recepción aos ciclistas españois que participan no Europeo de Ciclocrós
Recepción aos ciclistas españois que participan no Europeo de Ciclocrós / Mónica Patxot

O Campionato de Europa de Ciclocrós xa está aquí.

Todo está listo xa para vivir tres xornadas de intensa competición no espectacular circuíto habilitado na Illa das Esculturas.

Este xoves, na xornada previa ao comezo oficial do Europeo, os ciclistas puideron tomar contacto co percorrido cun par de horas de adestramentos.

A organización afanouse ademais en ultimar os últimos detalles do impoñente dispositivo montado.

Doutra banda a Praza da Peregrina acolleu unha recepción oficial aos deportistas da Selección Española, reservando un oco especial para os galegos que competirán na Illa das Esculturas.

Abrirán fogo este venres 1 de novembro os deportistas máster de grupos de idade, un aperitivo ao que virá durante a fin de semana.

Primeiro coa sempre espectacular proba de remudas mixtas 'Team Relay', prevista para as 15.00 horas do sábado.

O domingo pola súa banda, desde as 9.00 horas, chegarán as carreiras júnior, sub-23 e elite que prometen emocións fortes.