Campaña de socios e fichaxes nun Marín Futsal que xa mira á súa estrea en liga

Marín
11 de setembro 2023

Ademais da súa campaña de abonados, o club marinense anunciou nos últimos días dúas novas incorporacións para poñer a guinda ao seu plantel

Primeiro adestramento do Marín Futsal 23-24
Primeiro adestramento do Marín Futsal 23-24 / Mónica Patxot

O Marín Futsal xa mira de fronte ao seu debut ligueiro do próximo sábado 16 de setembro fronte ao Roldán no pavillón da Raña.

Antes de chegar a esa cita, no club marinense son varias as novidades, empezando polas dúas fichaxes anunciadas nos últimos días para completar o plantel de Primeira División.

Trátase por unha banda da brasileira Mayara De Almeida, de 23 anos, e que chega a Marín procedente do Leoas Da Serra, unha xogadora "con moita experiencia e que conta cun amplo palmarés a pesar da súa mocidade", destaca o club.

Ademais aterra na Raña outra futbolista procedente do Leoas Da Serra. É Lysa Gomes, de 25 anos, e que "conta no seu palmarés cunha gran cantidade de títulos, tanto nacionais como internacionais", sinala o Marín Futsal.

CAMPAÑA DE ABONADOS

Doutra banda o Marín Futsal publicou a súa nova campaña de socios para a tempada 23-24.

Os prezos para as renovacións fixáronse en 35 euros para o público adulto, 15 euros para os menores de idade, 60 euros no caso do abono familiar e 125 euros para a categoría de empresa. 

En canto ás novas altas, custarán respectivamente 40, 20, 70 e 150 euros.