Con nin máis nin menos que cinco goles, a brasileira Camila Costa sentenciou a un Marín Futsal que ve como as súas aspiracións por conservar a categoría vanse esfumando aos poucos.
As da Raña, necesitadas dunha vitoria para manter vivas as súas opcións de salvación, saltaron á cancha coa intención de dominar o encontro, pero a falta de acerto nos metros finais impediu que se adiantasen no marcador.
As que si que atoparon o seu camiño ao gol foi o Castro nos últimos compases do primeiro tempo e con Dani Sousa como protagonista.
O 1-0 fíxoo de cabeza, a pase de Jenny, e o segundo, tras outro intento de remate de cabeza a saque de banda de Ontiveros, que obrigou a Guida a tentar despexar, con tan mala sorte que acabou anotando na súa propia portaría.
Ao comezo do segundo tempo o Marín Futsal tentou cambiar o rumbo do partido co xogo de cinco, pero non deu resultado.
Camila Costa, tras roubar o balón no centro da cancha, anotou o terceiro gol, e pouco despois, ampliou a vantaxe cun tanto desde a súa propia área, aproveitando un ataque errado dos xogadores de More.
Co partido xa sentenciado, a brasileira completou a súa exhibición goleadora con tres tantos máis.
O primeiro, á saída dun saque de esquina; o segundo, desde a súa propia área a porta buxán; e o terceiro, tras unha combinación con Jenny Santos co que puxo o 7-0 co que finalizou o enfrontamento.