Cambados, preto de repetir como sede do Campionato de España Infantil de baloncesto

O Salnés
17 de marzo 2015

Así o confirmou o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, na firma do convenio con Pontevedra para a celebración da competición feminina

Equipo do Estudiantes celebrando o título nacional infantil en Cambados
Equipo do Estudiantes celebrando o título nacional infantil en Cambados

Aínda faltan por pechar algúns detalles, pero "hay muchas posibilidades de que Cambados repita como sede del infantil masculino".

ÿ unha afirmación do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, en relación ao Campionato de España de Baloncesto Infantil Masculino que se celebrará o próximo mes de xuño.

De pecharse o acordo, Cambados acollería a competición por segundo ano consecutivo, reunindo 32 equipos do estado durante unha semana de torneo.

Estas declaracións producíronse na firma do convenio de colaboración entre a Federación Galega e o Concello de Pontevedra para a celebración do Nacional Infantil feminino.

Celebrarase entre os días 14 e 20 de xuño e espera congregar na cidade a "cerca de 3.500 persoas", recoñece Martín, cifra relativa á edición do pasado ano.

A organización deste evento traballa coa previsión de non contar co Pavillón Municipal dos Deportes polas obras previstas na súa cuberta, polo que tal e como se trasladou hai poucas semanas, as sedes do campionato serán o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o Pavillón Universitario e o da Cidade Infantil Príncipe Felipe.