Caldas estréase nas carreiras de orientación cunha dobre xornada

Umia
03 de marzo 2024

Tal e como anunciou o tenente de alcalde e responsable da área de Deportes, Manuel Fariña, o Concello ten preparadas dúas carreiras de orientación para o vindeiro 17 de marzo, na contorna urbana, e o 6 de abril, no monte de Santa María, destinadas a todos os públicos e de balde  

Cartel das carreiras de orientación no Concello de Caldas
Cartel das carreiras de orientación no Concello de Caldas / Concello de Caldas de Reis

A aposta para que Caldas de Reis sexa un concello referente nos eventos deportivos continúa vento en popa.

Tal e como anunciou o tenente de alcalde e responsable da área de Deportes, Manuel Fariña, o Concello ten preparadas dúas carreiras de orientación para o vindeiro 17 de marzo, na contorna urbana, e o 6 de abril, no monte de Santa María, destinadas a todos os públicos e de balde.

Fariña, destacou que a intención é facer que a veciñanza participe en novas modalidades deportivas que están en auxe, como é a orientación, ademais de atraer xente doutras localidades. Tamén salientou os beneficios que ten a actividade física para a saúde que permitirá, ademais, descubrir recunchos escondidos no municipio, "moi fermosos pero aínda descoñecidos e non moi valorados".

Para chegar á maior cantidade de xente e potenciar a participación do alumnado dos centros de ensino do concello, a empresa que xestiona a actividade, Xesta Natureza, realizará nos vindeiros días charlas explicativas sobre en que consiste a orientación.

O domingo 17 ás 11:00 horas dará o pistoletazo de saída a primeira carreira. Poderá facerse en grupo ou de maneira individual, e consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas pola organización na orde que se indica no mapa urbano da vila.

As persoas que queiran participar poden facer a inscrición (ata 4 participantes por equipo), nas categorías 'xestiñas', para crianzas, sendo unha proba sinxela física e tecnicamente, de menos de 3 quilómetros en total; 'xestas', unha categoría para persoas adultas, con nivel físico e técnico medio e menos de 4 quilómetros en total; e 'xesteiras', para persoas con coñecementos de orientación medios e altos e nivel físico e técnico alto (de máis de 5 quilómetros en total).

As saídas serán escalonadas en tempo e a organización facilitará unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas, debendo completar o percorrido en orde dende a saída ata a meta. Ao rematar a proba pódense consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa.

A segunda das probas terá as mesmas características que a primeira e será o sábado 6 de abril, entre as cinco e as oito da tarde, seguindo un mapa de bosque nos montes de Santa María e, polo tanto, máis en contacto coa natureza.