Caetano Horta dálle ao CGTD un diploma olímpico no dobre scull lixeiro remo

Pontevedra
29 de xullo 2021

O remeiro de Noia, formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, impúxose co seu compañeiro Manel Balastegui na final B da súa categoría, levando un meritorio diploma olímpico no seu debut nuns Xogos e con só 18 anos

Caetano Horta e Manel Balastegui na final B dos Xogos Olímpicos de Tokyo
Caetano Horta e Manel Balastegui na final B dos Xogos Olímpicos de Tokyo / RTVE

Brillante colofón para o debut nuns Xogos Olímpicos de Caetano Horta.

O remeiro de Noia, formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, conseguiu este xoves un diploma olímpico ao impoñerse na final B do dobre scull lixeiro.

Caetano e o seu compañeiro Manel Balastegui quedaron a escasos dous segundos de entrar na final e pelexar polas medallas, pero ao ser só 6 os finalistas quedaban por repartir dous diplomas para os mellores da final B.

Nesta quenda a tripulación española foi a mellor facéndose coa sétima praza xeral cun tempo de 6:15.45 superando por esta orde aos representantes de Polonia, Ucraína, Canadá, India e Noruega.

Todo un éxito para un deportista que se estreou en Tokyo nuns Xogos con só 18 anos, confirmando que o remo galego e nacional ten o futuro asegurado.