Cáceres, primeira parada para un Pontevedra que busca estrear a súa cuadrícula

Pontevedra
29 de agosto 2015

Luisito deixa fora da lista de convocados a Capi, por sanción, Anxo e Pedro García, por lesión, e Tubo e Miguel Loureiro por decisión técnica. Os granates percorrerán preto de 2.300 quilómetros en apenas catro días, xa que o mércores sairán cara a Guijuelo para disputar a primeira eliminatoria da Copa do Rei

Luisito subindo ao autobús que os traslada a Cáceres
Luisito subindo ao autobús que os traslada a Cáceres / PontevedraViva

Por diante miles de quilómetros e unha ilusión: a de asinar unha tempada de consolidación en Segunda B, coa mirada posta en posteriores metas máis altas. O Pontevedra afronta o primeiro das súas longas viaxes por boa parte da xeografía española desprazándose a Cáceres, para enfrontarse ao Cacereño (domingo, 12:00 horas) no estadio Príncipe Felipe da cidade estremeña.

E faino ademais nunha semana esgotadora, na que os de Luisito percorrerán preto de 2.300 quilómetros en apenas catro días, xa que o mércores sairán cara a Guijuelo para disputar a primeira eliminatoria da Copa do Rei, facendo a viaxe de ida e volta no mesmo día do partido.

Para "abrir boca", a expedición granate iniciou o seu periplo en autobús, ben provistos, ademais do lóxico material deportivo, de almofadas e mantas para intentar descansar, ás 11.00 horas deste sábado. Despois da parada para o xantar en Puebla de Sanabria, seguirán rumbo a Cáceres, onde está prevista a súa chegada ás 21:00 horas.

Previamente, ás 9:30 horas, Luisito realizou cos seus homes unha suave sesión de adestramento na Xunqueira, por espazo duns 45 minutos, para seguidamente facilitar a lista de convocados, da que caen Capi, por sanción, Anxo e Pedro García, por lesión, e Tubo e Miguel Loureiro por decisión técnica.

Deste modo, os 16 xogadores que se desprazan son: Edu, Lloves, Adrián, Campillo, Bruno, Pablo, Verdú, Kevin Presa, Álex Fernández, Jacobo, Tomás, Mouriño, Jandrín, Miki, Pablo Carnero e Borjas.

O árbitro madrileño Sergio Pérez Muley, será o encargado de dirixir un partido no que os granates teñen como obxectivo estrear a súa cuadrícula de puntos e a ser posible facelo coa vitoria.