Sergio Troitiño camiña con paso firme cara ao seu próximo gran obxectivo, o Campionato de Europa Sub-21 de Taekwondo que se celebrará en novembro en Saraxevo.
O deportista do Mat's de Marín vén de conseguir un reforzo moral ao seu traballo no Open de Holanda, na cidade de Eindhoven.
Troitiño fíxose coa medalla de bronce neste evento internacional na categoría de -87 quilos.
Para conseguilo eliminou no seu primeiro combate o local Tom Van Den Enden de maneira contundente en dous asaltos, e en cuartos de final superou o alemán Josua Noel Jurgen, tamén por 2-0 aínda que de maneira máis axustada.
En semifinais esperáballe o polaco Szymon Pietkwosk, que levou o enfrontamento en dúas disputadas mangas deixando o marinense co bronce. Pietkwosk acabría gañando a medalla de ouro.
Tras esta competición o taekwondista do Mat's concentrarase os próximos días en Barcelona para preparar o próximo Europeo.
PRATA CADETE PARA ÁNGELA BALADO
No Open de Holanda tamén competiron varios deportistas galegos que están a preparar a súa participación no Campionato de Europa Cadete, que no seu caso terá lugar en Albania.
Entre elas estaba Ángela Balado (+59, Mat´s), que conseguiu a medalla de prata.
Superou dúas roldas ante a luxemburguesa Esila Tastekin e a alemá Nada Kinana e só cedeu na final fronte á británica Paige Vincent.