Desde o seu ascenso a categoría estatal, o Club Waterpolo Pontevedra apostou por mesturar talento galego con presenza de xóvenes internacionais coas que dar un salto de calidade ao seu equipo.
Así, foi habitual atopar no persoal pontevedrés xogadoras chegadas especialmente desde o continente americano.
Volverá ser así no curso que está a piques de comezar, cunha mestura de nacionalidades que converte o novo proxecto do Waterpolo Pontevedra no máis internacional da súa historia.
No banco sentará o brasileiro Arthur Neves, e unha das figuras a seguir do equipo será a colombiana Valentina Restrepo, que estes días competiu no Campionato Suramericano Absoluto coa selección do seu país.
Ademais desde Canadá chegou para a portaría Marianne Caroline Bouchard-Côté.
Xunto a elas, agora a entidade deportiva informou da incorporación dunha xogadora chilena. Trátase de Valentina Akira Díaz Campos.
Procedente do Club Waterpolo Fénix do seu país natal e, con 18 anos de idade, é internacional por Chile e completará o plantel do Waterpolo Pontevedra actuando no posto de central.
Até o momento o equipo da Boa Vila tamén confirmou que contará no seu equipo con Rosalía Rey, Ariana Collazo e Saray Guilbert, procedentes todas elas do CW Santiago.