O Pontevedra Club de Fútbol reforza a súa parcela ofensiva cun dos xogadores con maior cartel do mercado galego tras o seu bo papel na Sociedad Deportiva Compostela.
Trátase de Brais Abelenda, futbolista coruñés de 25 anos que pode actuar en varias frontes do ataque e na posición de extremo, e que aterra en Pasarón despois de tres tempadas na Sociedad Deportiva Compostela.
Abelenda, que rexeitou a proposta de continuidade que lle presentou o conxunto santiagués, convértese desta forma na quinta fichaxe do novo proxecto granate tras Diego Seoane, Javi Rey, Pablo Cacharrón e Samu.
Tras un par de anos en Segunda B no Racing de Ferrol sen moitas oportunidades, Brais destacou no Compostela como peza clave no seu ascenso e consolidación na categoría, anotando 31 goles en 95 partidos. Na última campaña, de novo en Segunda B conseguiu cinco deses tantos en 25 encontros.
Xunto a esta incorporación o Pontevedra confirmou ademais as renovacións de Iñaki Martínez e de Pacheco, que todo apunta pasarán a formar parte do primeiro plantel.