Boxeo para todas as idades en Marín co Campionato de España de Formas

Marín
21 de outubro 2019

O pavillón do Colexio San Narciso acolleu durante a fin de semana a competición nacional de base organizada polo Team Thunder

Campionato de España de Formas de Boxeo en Marín
Campionato de España de Formas de Boxeo en Marín / Team Thunder Marín

O boxeo segue crecendo en Marín, consolidado como un punto de referencia no noroeste peninsular grazas á actividade do Team Thunder.

O club marinense foi anfitrión a fin de semana do Campionato de España de Formas de Boxeo no pavillón do Colexio San Narciso.

Na competición participaron un total de 140 nenos e nenas chegados desde diferentes puntos da xeografía española.

Comba, sombra e manoplas foron as probas ás que se enfrontaron os xóvenes deportistas.

O Team Thunder ademais de actuar como local  protahonizó unha notable actuación na casa. Así dominaron na categoría prebenxamín con Martín Grandío e Sofía Soto con senllas medallas de ouro e o bronce de Leo García. Pola súa banda en categoría alevín Lucas Hermida conseguiu unha medalla de prata e en idade infantil os irmáns Iker Barcia e Eloy Barcia foron bronce en manopla e corda respectivamente.