O taekwondo pontevedrés afrontou a fin de semana unha cita importante coa celebración en Valladolid dos campionatos de España para as categorías sub-21, júnior e cadete.
A Selección Galega impúxose na xeral sub-21 ao lograr o primeiro posto na categoría feminina e o terceiro na masculina, e tamén venceu na categoría júnior.
Nese éxito colaborou decisivamente o Mace Sport de Pontevedra con varios metais.
Unai Silva (-74 quilos) conseguiu meterse na final do seu peso, en categoría sub-21, pero caeu pola mínima na final tendo que conformarse coa medalla de prata. Ademais nesta idade Artai Pazos conseguiu o bronce (-63 quilos).
Tratábase dun torneo decisivo para os participantes, xa que pechaba a clasificación para o Europeo Sub-21 que se celebrará en setembro en Suecia.
En canto á competición júnior, Giovanni Imparato (-51 quilos) conseguiu o bronce, mentres que en idade cadete Antía Sánchez (-55) foi prata e Inés González (-55) levou o bronce. Nesta categoría tamén conseguiron senllas medallas de bronce Brais Canosa (Suh Sport, -45) e Sergio Troitiño (Mat's de Marín, +65).